A organización graba o vídeo promocional da festa

posted in: Evento, Indianos | 0

Do 10 ao 12 de xullo celebrarase o segundo “Ribadeo Indiano”, festa coa que Concello e Acisa queren renderlle homenaxe a aquelas persoas que un día deixaron a súa terra na procura dun futuro mellor. Os organizadores agardan que esta edición sexa un éxito e que toda a veciñanza se implique.

ribadeo-indiano-15

Ribadeo ultima os preparativos da súa segunda festa indiana que se celebrará do 10 ao 12 de xullo, datas nas que se renderá homenaxe a aquelas persoas que un día deixaron a súa terra na procura dun futuro mellor. Os organizadores, Concello e Acisa, agardan que o segundo Ribadeo Indiano sexa un éxito. O programa inclúe visitas guiadas, música, teatro, talleres, gymkanas, mercado de ultramar… O evento foi presentado no parque de San Francisco polo alcalde, Fernando Suárez, e polo secretario de Acisa, Roberto Rivas, nun descanso da rodaxe do vídeo promocional da festa.

O rexedor lembrou que “Ribadeo, como tantos outros sitios, tivo unha historia triste, en moitos casos, e agradable, nalgúns menos, relativa á emigración. Moita xente tivo que marchar de aquí para procurar vida fóra, unha vida mellor da que había aquí no seu momento, singularmente nos séculos XVIII, XIX e XX. Polo tanto moita xente marchou para América para facer o que se chamaba antes facer as Américas na Arxentina, en Cuba, no Uruguai, en Venezuela, en Estados Unidos, etcétera. De todo aquel pasado Ribadeo síntese como parte histórica viva, porque moitos dos indianos que fixeron fortuna e se preocuparon de que as súas xentes de aquí, do seu país de orixe que os viu marchar, tiveran acceso a cousas que eles nunca viviran. De aí que moitos dos edificios que se puideron facer e que aínda a día de hoxe seguen vivos foron patrocinados economicamente por aquela xente, a menos, que fixo fortuna. Outros moitos nunca máis puideron volver e outros volveron como foron: cunha experiencia pero sen máis fortuna que o seu propio traballo”.

Suárez Barcia dixo que “de todo isto en Ribadeo o ano pasado quixemos facer un evento no que nos marcamos como obxectivo que todo o mundo se implicara e a verdade é que todo o mundo socialmente en Ribadeo para ser a primeira vez se implicou: a hostalería, os servizos, a cidadanía, … En fin, foi unha festa ver en xullo do ano pasado este Ribadeo Indiano. Desde logo serviu para consolidar este evento e agora, como o ano pasado, coa Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo, co Concello e con tanta xente a título particular que nos está axudando, pero que debemos tamén destacar, como a Coral Polifónica de Ribadeo, a Banda Municipal, Amadores da Música, o grupo de teatro de Ribadeo, os participantes no Mercado dos Domingos, a Sociedade de Instrución e Recreo do Círculo Habanero da Devesa, Ernesto Cruzado, Lourenzo Fernández Prieto, Pablo Rodríguez Vivín; e outra xente que este ano se presta, como o barco de Navarret, como o Peñamar, de Castropol, que nos cede este vehículo que temos aquí nesta presentación, como a casa indiana de Rinlo, de Rober e Esperanza, … En definitiva, todo o mundo se está implicando para que Ribadeo Indiano soe no mundo enteiro outra vez”.

O alcalde en funcións dixo: “estamos convencidos de que esta segunda edición, que vai ter lugar na segunda semana dos mes de xullo, os días 10, 11 e 12, Ribadeo viaxará alén do tempo; Ribadeo converterase nunha festa onde estamos convencidos de que vai ter unha repercusión internacional este evento e, de feito, con iniciativas como a da propia Iberia para que toda a xente que queira vir aos aeroportos de Asturias e Galicia durante eses días poderá ter incluso bonificacións e descontos, faremos de Ribadeo un lugar que siga brillando con luz propia no mundo do turismo e do quefacer aquí”.

Fernando Suárez engadiu que “neste programa, no que levamos xa bastante tempo traballando, durante 3 meses polo menos, entre a asociación de comerciantes, o Concello e toda esta xente que estiven explicando anteriormente, vamos contar neste fin de semana (venres, sábado e domingo) con conferencias, con actuacións musicais, con teatro na rúa, con visitas guiadas polo noso legado indiano, con gymcanas para os maiores e tamén para os máis pequenos, con actividades infantís, con talleres de baile, con verbenas tradicionais, etcétera. Vamos volver contar este ano cun mercado de produtos de ultramar, onde os comerciantes ribadenses que queiran participar poden atopar as bases na páxina do Concello, e tamén este ano, por primeira vez, o afamado festival de habaneras que se organiza aquí vaise trasladar as datas do Ribadeo Indiano, concretamente ao 11 de xullo”.

E rematou a súa intervención no parque de San Francisco: “así que, polo tanto, pedimos de maneira colectiva a implicación de toda a cidadanía, como o ano pasado; queremos que os raros sexan os que non estean caracterizados de indianos ao longo desta fin de semana de xullo”.

O secretario de Acisa, Roberto Rivas, agarda que “este ano esta festa vaia a máis, vaia medrando, grazas á implicación do Concello e da hostalería e do comercio, que traballan día a día para que os seus negocios luzan as mellores galas para esas datas”.

Rivas adiantou algunhas pinceladas do programa do Ribadeo indiano, que dará comezo o 10 de xullo ás sete da tarde cunha charla no Cine Teatro para seguir con teatro na rúa a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo. Para as nove e media está previsto o pregón, que pronunciará Don Pancho no quiosco da música, onde actuará a continuación da Banda de Música Municipal de Ribadeo.

O secretario de Acisa dixo que “o día grande será o sábado, 11 de xullo, no que haberá moitas actividades. Destaca o mercado de produtos de ultramar, que abrirá ás 11 da mañá. Haberá actividades infantís durante todo o día e para as 13 horas está prevista a actuación do grupo Los Nostálgicos, no barrio de San Roque. Xa pola tarde terá lugar a gymkana de adultos, que o ano pasado tivo unha grande acollida e pola noite haberá a recreación dunha verbena tradicional cos Modernos no quiosco da música. O domingo haberá diversas actividades na Devesa, para ver tamén alí as súas casas indianas”. Rivas agarda que “o resto do pobo se implique, e que polo que estamos a escoitar será verdade. O comercio e a hostalería estanse a volcar para que esta segunda festa indiana sexa un éxito”.

O programa inclúe visitas guiadas polo Ribadeo indiano tanto da vila como da Devesa. Para participar nelas é necesario inscribirse no seguinte teléfono: 982 128 689, na dirección de correo turismo@ribadeo.org ou na oficina de turismo. Haberá festival de habaneras, talleres para nen@s e adultos a unha exposición no Teatro Ribadeo, alén do tempo con material gráfico como cartas ou fotografías, cedidas por veciños e veciñas de Ribadeo.

Leave a Reply