Cando os primeiros emigrantes comezaron a regresar, levantaron nos seus lugares de orixe vivendas dun estilo moi diverso aínda que inconfundible.

Os indianos trouxemos unha arquitectura cosmopolita que se inseriu de forma rechamante entre as casas tradicionais, para simbolizar o triunfo e o éxito conseguido fóra. As nosas son vivendas cómodas, amplas, abertas ó exterior, con novas formas e materiais que falan de riqueza, sofisticación e formas de vida urbanas, con elegantes adornos nas fachadas; xardíns exuberantes e con reminiscencias tropicais, onde non faltan palmeiras, magnolios, camelias e valos de forxa que substitúen os vellos muros e portalóns.

Estas vivendas, malia ser construídas por arquitectos galegos, inspíranse nos barrios contemporáneos de Bos Aires, A Habana ou París e preséntanse en toda unha gama de estilos: ecléctico, modernista, historicista ou tradicional que serviron para conseguir uns edificios que evidenciasen distinción e empaque.

Ribadeo é o concello galego que posúe a maior concentración de casas indianas ou de indianos. A ruta que aquí vos amoso consta de dous itinerarios, un urbano e outro que discorre polo rural. A través dela coñeceredes parte do amplo legado indiano ribadense, algunhas das edificacións máis significativas, que hoxe en día son verdadeiras xoias arquitectónicas.