EU SOÑEI … ( pregón I edición do Ribadeo Indiano)

posted in: Evento, Indianos | 2

Compartimos con todos… o pregón que José Manuel García ( locutor da radio galega), en nome de Don Pancho creou para dar saída a I Edición do Ribadeo Indiano 🙂

graciñas Don Pancho por compartir estos estupendos días!!!!

EU SOÑEI…

   Amigos e amigas, eu nacín na devesa, onde pasei os meus primeiros anos de vida, con amigos e amigas cos que xogaba. Pero xa de neno, via que a vida dos meus pais non era a mellor. Pero recibía deles todo o que tiñan…naquel momento eu soñei que algún día llo devolvería..

   Os tempos eran difíciles, e o simple feito de ir a escola era casi un reto. Moi novos tiñamos que axudar na casa, pero seguía sendo difícil sobrevivir. Un día, uns cantos tivemos que coller as nosas maletas de madeira, cheas da pouca roupa que tiñamos e duns cantos recordos, para coller un barco e atravesar o Atlántico. O destino? Incerto. Pero ese día, eu soñei que volvería…

   Unha viaxe longa, triste, co medo no corpo. Marchaba da casa coa estraña sensación de non volver a ver a miña familia. Centos de pensamentos de non saber o que atopaba. Pero os galegos levábamos con nós algo que nos facía ser únicos. As ganas de traballar…xa sabedes que decía Castelao, o galego non pide, emigra…e pensaba no poder ó que estábamos sometidos na nosa terra, os caciques, os que non nos deixaban avanzar…entón…eu soñei que volvería…

   E cheguei a Cuba, e tras días grises naquel barco, a luz, o sol, unha cidade chea de vida, La Habana, abríase ante nós. Era como chegar o paraíso, unha inxección de optimismo que por momentos facía olvidar as penurias deixadas alá. Por un momento, eu soñei con quedar alí….

   Non foi fácil, atopar  traballo, nin todos os que alí chegábamos tiñan a mesma sorte. Ó contrario, a gran maioría despois de meses alí, non conseguiron tirar para diante. Os que máis se esforzaron apenas conseguiron o xusto para a sua viaxe de volta, coas mans vacías, a aquel lugar do que un día escapamos. Entón foi cando me esforcei máis en tirar para diante, tiña que conseguir o meu obxetivo…eu soñei que volvería…

   Comecei a traballar nunha plantación de tabaco. Traballei duro, pero no meu tempo libre comprobaba como a cidade contaba cunha vida diferente. Había de todo. Teatros, médicos, colmados, todo era vida. Descubrín cousas que nin imaxinaba que existían. Así contáballo na miña primeira carta que escribín a meus pais. Unha carta chea de entusiasmo, de ganas de que a miña familia estivese alí…pero meses despois chegou a primeira carta da casa, cos mesmos pensamentos grises que cando me fun…entón mandei o meu primeiro sobre de cartos a casa…entón…eu soñei que volvería…

   Os galegos que prosperamos, fixémolo con traballo, con esforzo, e coa ambición de seguir medrando. O negocio do tabaco era próspero, e rápidamente pasei a dirixir unha plantación…da que pronto me fixen propietario…e contratei máis galegos que iban naquel barco comigo. O negocio prosperou, e a vida prosperaba, e máis cartos viaxaban a Galicia, e as cartas que chegaban da casa,  eran cada vez menos grises, pero os males que na Galicia había persistían…entón….eu soñei que volvería…

   Por un tempo, as cousas iban tan ben, que xa tiña máis de seis negocios, e tres grandes casas. Por un tempo case pensei que quedaría alí. Pero chegou a carta que cambiou a miña vida. Meu pai, o que fixera tantos esforzos por min, o que foi o meu mestre, o que sacrificou os cartos que lle daría para vivir toda a familia por mandarme a facer as americas, deixáranos…e por un momento deixei de soñar…e volvín…

   E volvín para quedarme! Para loitar contra os tempos escuros os que estaban sometidos os meus veciños e familia. E comecei por contruir unha escola na devesa. E despois un teatro, e un cine, e un centro médico. E sentinme feliz, e fixemos unha gran casa, e chegaban máis cousas das miñas propiedades de Cuba, unhas máis extravagantes que outras, pero para os meus veciños e a miña terra, o que fixera falta!! Entón, por primeira vez, vin aquel cacique que matou en vida a meu pai, ter que vir a pedirme a min algo…entón…por un momento…en soñei que volvía a ver sorrir a meu pai…

   E os tempos prósperos pasaron, volveron os escuros, eu finei, o tempo pasou, e volveu a emigración, e volvemos a remontar, mantendo vivo o espíritu de loita e progreso dos indianos. A loita pola cultura, pola familia, polo pobo, polo benestar….un día eu soñei que os indianos seríamos lembrados…un día soñei que o meu pobo de Ribadeo estaría orgulloso do seu pasado Indiano…eu un día soñei que volvería…e aquí estou, para ver cumprido o meu soño de ver que hoxe estades aquí….grazas….

VIVA O RIBADEO INDIANO!!!

E TODOS CONMIGO!!

QUEREMOS UNHA RUA DE DON PANCHO EN RIBADEO!!!

2 Responses

  1. Diana Rodríguez
    | Responder

    NORABOA!!

    BEN POR RIBADEO INDIANO!!

    • Ribadeo Indiano
      | Responder

      graciñas Diana!

Leave a Reply