O proceso de desenvolvemento de Ribadeo a principios do XX preséntase claramente relacionado co fenómeno da emigración, en canto que supón un gran pulo para o crecemento económico da vila, así como no seu carácter sociocultural.

A emigración a América converterase nun fenómeno que axuda a explicar a historia e o desenvolvemento de Ribadeo así como o de moitas vilas de Galicia e Asturias.

Deste xeito é moi difícil encontrar entre nós alguén que non teña un avó ou
antepasado que non emigrase para mellorar a súa vida e a dos seus, pois este fenómeno influíu notablemente en dúas xeracións completas.

Neste sentido o proceso ,migratorio en toda a cornixa do norte de España, presenta certas diferenzas respecto ao mesmo proceso noutros lugares.

Nestes casos aparece a figura do indiano, ou emigrante a América retornado, que nos deixou o seu sinal de identidade aquí, na súa terra de orixe, con importantes doazóns e envíos de diñeiro, durante o seu período de estanza en América (fundamentalmente en Cuba, Arxentina, Uruguai, Puerto Rico, México) e con actos de filantropía que fixeron tanto dende aqueles países que os acolleron, como dende aquí os xa retornados.

Este aspecto identifica e diferencia estes emigrantes, de practicamente todos os demais fenómenos migratorios.

Son moitas as herdanzas que deixaron os indianos en Ribadeo. Así como noutras zonas do noso ámbito, tanto en Galicia coma en Asturias. Un aspecto fundamental desta emigración foi a cantidade de actos de beneficencia, solidariedade e doazóns que deixaron os indianos na súa terra de orixe, especialmente en educación, pero tamén en aspectos de mellora social como novas traídas de augas, lavadoiros, redes de saneamento ou cemiterios.

Foto: Manuel Ferrol
Foto: El Farero

Aproveitando un rico escenario arquitectónico, e coa intención de rememorar vellos tempos, pretendemos facer do Ribadeo do século XXI, un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX recreando unha sociedade claramente influenciada pola cultura, tradicións e modas traídas polos indianos.

Este evento do RIBADEO INDIANO pretende dar a coñecer e á vez valorar o legado que a emigración deixou na nosa sociedade: un importante patrimonio arquitectónico, tanto en arquitectura doméstica como pública (escolas, casinos, cines, cemiterios, fontes, igrexas, etc), e unha influencia nas sociedades da época, na industrialización, o comercio, a moda, os costumes, a gastronomía...

A evidencia máis palpable que deixaron entre nós, foi a arquitectura e por iso, se pretende reforzar a súa imaxe, sinalizando as casas indianas e un percorrido que facilite a súa compresión.

A denominada Arquitectura Indiana non é un estilo arquitectónico definido; é unha mestura de estilos, con grande influencia das arquitecturas tanto europea coma colonial e mesmo mesturando compoñentes da arquitectura tradicional galega.

Nos xornais publicados a principios do século XX en Bos Aires ou na Habana, aparecían modelos de vivendas para os inmigrantes que pensaban en retornar ao seu país de orixe.

A denominación de Arquitectura Indiana non é polo tanto atribuíble ao estilo, se non á procedencia de promotor. Na notable mostra de edificacións existentes en Ribadeo, fundamentalmente na rúa San Roque e na Devesa, poden observarse casas con influencias modernistas, eclécticas, racionalistas, rexionalistas ou tradicionais.

O tráfico de navíos con ultramar dende o peirao de Porcillán dedicábase tanto ao transporte de viaxeiros como de mercadurías. A importancia deste comercio cos países americanos plasmarase no "mercado de ultramar" que se celebrará na rúa San Roque, onde encontraremos produtos característicos da época.

A gastronomía dos países de procedencia dos indianos, así como os pratos e
bebidas traídos por eles, poderemos degustalos nas "casas de comidas" que o importante sector hostaleiro da vila preparará para animar e completar o evento.

Este evento do RIBADEO INDIANO deberiamos dedicarllo a todos os emigrantes, sen esquecérsenos os que aínda están naqueles países americanos e non puideron ou quixeron regresar como os "indianos" e dos indianos que aínda residen entre nós.

Texto por Ernesto Cruzado

Patrocinadores e organizadores

CONCELLO   escola   eventos1   Grupo Teatro Ribadeo Banda de Música


acisa   acisa   COR_cultura_turismo   amadores   cca   Amigos da gaita   Círculo Habanero


Praza de Abastos   Sucadoira   Coral   Filantrópica   hostalaria El Farero