A rúa San Roque será escenario o 11 de xullo do II Mercado de Produtos de Ultramar, un espazo dentro do “Ribadeo Indiano” no que se porán á venda produtos e mercancías representativas e oficios da época comprendida entre finais do século XIX e principios do XX. A inscrición para participar estará aberta ata o 26 de xuño, segundo deu a coñecer esta mañá a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo en funcións, Ana Martínez.

mercado-ultramar-2

A edil nacionalista explicou que “este ano dentro dos actos do Ribadeo Indiano2015 contaremos con ese Mercados de Produtos e Mercancías de Ultramar, así como de oficios da época, que comprenderá desde finais do século XIX a principios do XX. Ao igual que ano pasado terá lugar na rúa San Roque durante  o 11 de xullo en horario continuo. Arrincará ás once da mañá e rematará cara as dez da noite, que será cando dea comezo a verbena que se celebrará no parque San Francisco”.

Martínez dixo que “a participación neste mercado está dirixida a persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan unha actividade económica no concello de Ribadeo. Serán actividades relacionadas cos produtos da horta con especial incidencia para os chegados das Américas como patacas, pementos, tomates ou millo; produtos latinos de alimentación; colmados e outros produtos de alimentación: café, cacao, salazóns, ron, herbas, especies;  doces e pasteis típicos da época; xoguetes; froitas tropicais; chocolates; roupa, complementos, tocados e camafeos acordes coa época; libros, revistas e outros artigos de papelería; antigüidades e decoración; flores e plantas tropicais; xeados, etc. Incluso tamén o que son oficios dese tempo: barquilleiros, zapateiros ou calquera outro oficio relacionado coa temática de ultramar”. A organización resérvase o dereito de convidar á participación a persoas ou entidades de fora de Ribadeo, por razón do seu produto coma un elemento significativo da época, sempre e cando non estea dispoñible na localidade.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo indicou que “o prazo de inscrición está aberto no rexistro xeral do Concello ata o 26 de xuño. E para obter máis información desta actividade os interesados poden dirixirse ás web do Concello http://www.ribadeo.gal/ ou no teléfono 982 128 650 contactando coa adl”.