Gustaríanos presentarvos algúns deses “indianos”, verdadeiros filántropos, que promoveron diversas iniciativas socioculturais e benéficas procurando así favorecer a situación dos veciños e veciñas de Ribadeo.

indianos-de-ribadeo

Algúns destes nomes ben seguro que vos han resultar coñecidos porque moitas rúas, prazas e lugares emblemáticos do noso concello levan os seus nomes.

Falaremos deles por orde alfabética dos seus apelidos:

Acevedo Martínez, José

Naceu na Devesa. Fixo fortuna en Cuba, onde fundou unha tabaqueira. Contribuíu á construción do cemiterio da súa parroquia e foi un dos promotores da escola de Cinxe e do Círculo Habanero da Devesa. Exerceu como alcalde de Ribadeo durante a ditadura de Primo de Rivera.

Aguiar López, Inocencio

Nace en Rinlo no 1857 no seo dunha familia humilde de onde emigrou a Cuba pola segunda metade do século XIX. Fixo fortuna na industria tabaqueira.

Foi nomeado Cabaleiro de Primeira Clase da Real Orde do Mérito Naval pola construción, no miradoiro da súa propiedade, do primeiro faro e guía privado do Cantábrico.

Financiou a construción do cemiterio e da igrexa de Rinlo. Ademais, deixou establecida unha fundación docente para soster a escola da viliña pesqueira na que naceu.

Bolaño, José

Naceu na Devesa. En 1913 doou un magnífico e valioso harmonio para a igrexa da súa parroquia.

Espina, Eusebio

En 1898 remitiu 200 pesetas desde Arxentina para as obras de ampliación do Hospital de Ribadeo.

Fernández Mejeras, Amador

Financiou a construción do Albergue Escolar de Ribadeo, solar no que hoxe atópase o Centro Social. A rúa de saída cara á Veiga leva o seu nome.

González Fernández, Ramón

Naceu en Ribadeo en 1856. Estudou na Escola de Náutica de Ribadeo e emigrou a Arxentina en 1870 onde fixo fortuna. Foi un indiano que, ademais de financiar a construción da Praza de Abastos, contribuíu ao sostemento do Ateneo e da Biblioteca de Ribadeo e agasallou cun terreo á Sociedade de Socorros Mutuos La Concordia para que edificara o seu local social. Así mesmo fixo unha doazón á igrexa da Orde Terceira, onde repousan os seus restos e os da súa esposa nun monumental panteón.

Foi nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo, dedicóuselle unha rúa e outorgóuselle a Gran Cruz de Beneficencia.

Martínez Pasarón, Clemente

Emigrou a Bos Aires onde fixo fortuna como comerciante. Achegou fondos para o hospital de Ribadeo e constituíu a fundación que levaba o seu nome, para construír un colexio. Foi a súa viúva, Ernestina Mansilla, a encargada de facelo realidade.

Moreno Ulloa, Pedro y Juan

Nacidos na parroquia de Ove. Financiaron a construción dun inmoble moi singular, no soar da antiga fortaleza medieval de Ribadeo, trátase do edificio que hoxe é un símbolo da vila: a Torre dos Moreno. Tamén contribuíron á urbanización do Cantón, á construción do cemiterio municipal e da estrada que chega até o camposanto.

Cómpre subliñar tamén a xenerosidade de Xoán Moreno, que fixo doazóns á xente necesitada, financiou a construción da chamada Escola Número 2 de Ribadeo e deu cartos para reorganizar a Banda de Música de Ribadeo. Seu era parte do predio onde se edificou a Praza de Abastos e mercou o material pedagóxico do Instituto de Ensino ribadense, aínda hoxe se conserva parte dese material no Colexio Público Gregorio Sanz. En 1930, calculouse que as doazóns dos irmáns Moreno chegaron ao millón de pesetas.

Murias Rodríguez, Pedro

Remitiu diñeiro desde Cuba para mercar tres campás para as parroquias da Devesa e Vilaframil, e tamén fixo transportar deica Ribadeo unha artística varanda de metal, hoxe desaparecida, que serviu para separar o presbiterio da igrexa da Devesa. Á súa morte deixou, entre outros legados, unha importante cantidade de diñeiro para construír un colexio dedicado á rehabilitación social de rapaces pero os seus testamenteiros preferiron destinar os cartos a construír un centro de capacitación agraria, a coñecida popularmente como Escola Agrícola Pedro Murias, que aínda hoxe funciona.

Otero Martínez, Antonio

Ribadense que morreu en 1911 en Bos Aires e que no seu testamento legou 20.000 pesos arxentinos para o Hospital de Ribadeo, e outros 20.000 para os pobres da localidade. Unha rúa de Ribadeo leva o seu nome.

Rodríguez Murias, Jesús

Emigrou a Cuba na segunda metade do século XIX e deixou un legado para a construción dunha escola no lugar onde naceu, Rinlo, ademais dun lavadoiro, unha fonte e un bebedoiro. Parte do seu legado empregouse en pagar a nova traída de augas de Ribadeo. A vila deu o seu nome á rúa máis céntrica.