Hoxe foi presentado o IV Ribadeo Indiano

posted in: Evento | 0

Hoxe foi presentado o IV Ribadeo Indiano

Hoxe foi presentado o IV Ribadeo Indiano, que organizan o Concello e Acisa. Do 7 ao 9 de xullo haberá música, teatro, visitas guiadas. conferencias, unha exposición titulada, os adeuses e un obradoiro de baile de tango, que dará comezo o vindeiro domingo.

Comezou a conta atrás para a celebración do IV Ribadeo Indiano, que terá lugar do 7 ao 9 de xullo. A festa está organizada polo Concello ribadense e por Acisa que presentaron hoxe o cartel e algunhas das actividades programadas. Volverá o mercado de produtos de ultramar, o festival de habaneras e música hispanoamericana será o 8 de xullo, e como novidade figura unha exposición titulada Os adeuses do fotógrafo Alberto Martí, que reflicte o éxodo galego cara América entre 1957 e 1963 desde os portos de A Coruña e Vigo. Ademais aproveitando a celebración dos 100 anos do tango La Cumparsita, haberá un obradoiro de baile de tango de salón todos os domingos do mes de xuño.

O alcalde, Fernando Suárez, e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, David Martínez, convidan a achegarse a gozar da cuarta edición da festa indiana na que haberá música, teatro na rúa, visitas guiadas, conferencias e moitas outras actividades.
Na presentación celebrada hoxe, o rexedor manifestou que “xa a cinco semanas de que dea comezo este marabilloso evento queremos tanto Acisa como o Concello de Ribadeo presentar esta nova edición do Ribadeo Indiano que imos celebrar, como sempre a segunda fin de semana de xullo, concretamente do 7 ao 9 de xullo. Queremos que volva a ser outra vez unha das marabillas que poña a Ribadeo no mundo, por cuarto ano consecutivo”.

Fernando Suárez contou que “durante esta nova edición temos que contar de novo con conferencias, actuacións musicais, teatro na rúa, visitas guiadas polo noso legado, xinkanas, actividades infantís, obradoiros de baile, verbenas, etc…, como viñemos facendo nestes últimos anos. Temos que salientar loxicamente o festival de habaneras e de música hispanoamericana que vai estar integrado no evento e que se vai celebrar o 8 de xullo.

Tamén volvemos contar cun mercadiño de produtos de ultramar, no que os interesados en participar xa poden inscribirse na web do Concello rematando o prazo o vindeiro 20 do mes de xuño”.

O alcalde dixo que “continuamos tamén co proxecto de recuperación documental, porque non se comprende a vida se só miramos para adiante, compre mirar para atrás, compre non esquecer para aprender das cousas boas e das cousas malas. Por iso tamén a emigración define unha gran parte da nosa identidade, e polo tanto debe ser coñecida e estudada para que sirva e para que achegue valor á construción do noso futuro. Para seguir recuperando e coñecendo a achega da emigración compre continuar con este proxecto de recuperación documental e fotográfica dos emigrantes”.

Suárez Barcia subliñou que “ademais este ano como novidade estarán moi presente os adeuses, que é o lema sobre o que pivota este Ribadeo Indiano. Como diría o noso autor Otero Pedrayo, en Galicia temos fartura de despedidas pois é desgraciadamente terra de adeuses. Para facerlle unha homenaxe a aqueles que tiveron que partir deixando atrás a súa terra, imos contar cunha exposición dos adeuses do fotógrafo Alberto Martí, onde os seus protagonistas son xente anónima, pero fundamental para entender a historia colectiva de Galicia no século XX, a través dunha serie de fotografías de mediados do século XX de xente que marchaba desde os portos de A Coruña e de Vigo”.

O rexedor indicou que “este ano, e como referencia tamén capital, aproveitando a celebración dos cen anos deste tango universal, que din os uruguaios, que é o tango dos tangos, que é La Cumparsita, queremos comezar cunha actividade previa ao evento que redunde na calidade, na diversidade e na vistosidade do mesmo, e para iso queremos achegar a todo o mundo en xeral non soamente a aqueles que saben bailar, un obradoiro de baile de tango de salón. Queremos con isto volver lembrar que todos os que viñeron de América non soamente importaban novos estilos de vida, diferentes canons arquitectónicos, diferentes frescas formas de pensar moitas veces, senón tamén novos estilos musicais, e unha música é precisamente o tango”.

O alcalde sinalou que “este obradoiro de tango, que queremos socializar para todo o mundo, vai ter lugar todos os domingos, desde este vindeiro 4 de xuño ata o día do Ribadeo Indiano no pavillón vello, sito na rúa Alfredo Deaño, para que en dúas quendas cada día, de catro e cinco e de cinco a seis da tarde, para que todo o mundo que queira aprender uns pasiños para darlle tamén unha imaxe ao mundo deste Ribadeo Indiano de ver a moita xente aquí en Ribadeo bailando este tango La Cumparsita, que é tan famoso”.

Fernando Suárez quere convidar a todo o mundo a achegarse a Ribadeo na segunda fin de semana de xuño: “xa sabemos que todo o mundo de Ribadeo así o fai e así se caracteriza durante estes días de Ribadeo Indiano, pero queremos máis. Queremos convidar a todos os nosos irmáns veciños de A Mariña e do occidente para que escollan Ribadeo neste segundo fin de semana de xullo, e estamos convencidos de que moita máis xente de moito máis lonxe vai acudir con nós, con Acisa e co Concello, xunto con toda a veciñanza de Ribadeo a esta no va edición do Ribadeo Indiano”.

Pola súa banda o presidente de Acisa, David Martínez, manifestou que “un ano máis, e xa son catro, chega o Ribadeo Indiano, a festa de nenos e nenas, de todas as idades desde bebés ata maiores, a festa que máis nos gusta a todos os ribadenses, a festa que está no adn de todos nós”.

David Martínez explicou que “un ano máis o comercio e a hostalería trasladaranse a época de emigración, a finais do século XIX e do XX. Nas casas de comidas e bebidas vanse encontrar todo tipo de manxares, que nos achegarán aos sabores tradicionais das Américas. Son días para gozar xuntos en familia e entre amigos. É tempo para retornar ao noso pasado indiano”.

O presidente de Acisa salientou que “o Ribadeo Indiano se converteu nun referente neste pobo. Cremos que entre o Concello e Acisa fixemos unha festa ideal para os ribadenses porque nos traslada durante uns días ao pasado e á herdanza que temos, e por outro lado permítemos gozar en todas as idades, en familia”.
David Martínez animou “a toda a xente que veña a Ribadeo, e aos socios a que engalanen os seus negocios para unha data tan especial. Esperamos que o tempo acompañe. Vai haber moitas novidades este ano. Moita máis música, moita máis cultura, vai ser moi divertido como todos os anos, e esperamos como sempre a implicación de tod@s @s ribadenses”.

Acisa prepara actuacións musicais para o IV Ribadeo Indiano, así como novidoso merchandising, que se presentarán en datas próximas. “Todo co obxectivo de darlle o colorido e a importancia que esta festa se merece. Non queremos nin podemos esquecernos daqueles que un día marcharon da súa terra buscando un futuro mellor”, engadiu o presidente de Acisa.

Ao acto de presentación, que tivo lugar no parque de San Francisco, acudiron tamén o vicepresidente e o xerente de Acisa, así coma os concelleiros de Turismo, Cultura e Igualdade.

Leave a Reply