Presentado o cartel do V Ribadeo Indiano, que se celebrará do 6 ao 8 de xullo. A organización ultima o programa de actividades

posted in: Evento | 0

Presentación cartel Ribadeo Indiano 2018

Ribadeo, 26 de maio de 2018. Comeza a conta atrás para a celebración do V Ribadeo Indiano, que terá lugar do 6 ao 8 de xullo. O cartel evoca os tellados das casas indianas, “que son unha identidade notable”, en palabras da concelleira de Turismo, Ana Martínez.

As inmediacións do Concello acolleron a presentación do cartel.

Martínez explicou que “hoxe toca xa desvelar este cartel presentación do Ribadeo Indiano 2018. Aínda que se foron dando certos perfís do que ía ser este cartel hoxe por fin aquí a organización, o Concello de Ribadeo e a asociación de comerciantes de Ribadeo (ACISA), queremos presentar oficialmente este cartel que dará o pistoletazo de saída ao Ribadeo Indiano 2018, xa na súa quinta edición. Evoca, como ben podedes ver, esa festa, eses tellados, esas casas indianas, que son unha identidade notable de Ribadeo”.

A edil ribadense comentou que “como estamos xa a piques de principiar esta festa e todo o que supón tamén a nivel cultural e de recuperación desa historia da emigración desde aquí queremos convidar á xente a que se vaia preparando (as súas roupas, os seus traxes, …) para participar de cantas actividades se vaian presentar. Aínda estamos a pechar a programación e polo tanto non vamos adiantar os actos que haberá durante eses días, pero si dicir que, como xa é un referente, o segundo fin de semana do mes de xullo (os días 6, 7 e 8) estaremos en Ribadeo gozando entre todos e todas desta magnífica festa, deste magnífico evento, de todo o que supón vir ao Ribadeo Indiano”.

A concelleira de Turismo tivo tamén palabras de agradecemento: “non me quero tampouco esquecer neste momento de agradecer a moita xente que de xeito anónimo e desinteresado levan colaborando con este proxecto, que non é soamente festivo senón tamén cultural e de recuperación histórica, porque hai 5 anos arrancábamos dun xeito dubidoso, non sabíamos que podería traer este Ribadeo Indiano e como podedes ver non trae máis que éxito na recuperación de arquivos, de memoria, de festa e, desde logo, de identidade da nosa terra con ultramar, con América, con esas outras terras de acollida. Polo tanto aquí quero tamén deixar patente, e que quede moi clariño, ese agradecemento á xente que, desde o principio e segue facéndoo moita dela, colaborou para que o Ribadeo Indiano fose un éxito, como o é xa, é un referente na comarca, no país e creo que xa soa en ultramar”.

Pola súa banda, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “a hostalería e o comercio séntense moi beneficiados e nós desde Acisa, en colaboración co Concello, estamos a preparar o programa deste ano, que vai ter moitas novidades. Desde Acisa e desde o Concello cremos que este evento cada ano é máis importante, vemos á xente agardando por el, vemos o interese que esperta tanto en Ribadeo como nos arredores e incluso fora de Galicia”.

Para Iriarte: “debemos seguir a impulsalo e niso estamos de acordo co Concello, entón a nosa labor agora é facer unha boa programación. Agardemos que lle gusta a todo o mundo”.

Na presentación do cartel do V Ribadeo Indiano participaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Turismo, Ana Martínez, o presidente e o vicepresidente de Acisa, Francisco Iriarte e Juan Andina, o vogal da directiva empresarial Roberto Rivas e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *