A HOSTALERÍA LOCAL CONTARÁ CON 10.000 VASOS DE PLÁSTICO IRROMPIBLES PARA O VIII RIBADEO INDIANO.

Ribadeo, 5 de xullo de 2023. A hostalería local contará con vasos de plástico ríxido reutilizable para o VIII Ribadeo Indiano, que se celebra do 7 ao 9 de xullo. Trátase de 10.000 recipientes serigrafiados.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 7 ao 9 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe damos a coñecer”.

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez explicou, que “a novidade este ano é o reparto de 10.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio ambiente”.
Cruzado Iglesias dixo que “se trata de vasos que están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Queremos ademais subliñar que estes vasos están a disposición de toda a hostalaría local. Unha parte importante foron repartidos ao longo destes días. Pero aqueles negocios que precisen máis ou que aínda non conten con eles poden dirixirse a Acisa para que llelos facilite”.

O alcalde, Daniel Vega, tivo palabras de agradecemento para Acisa: “quérolle agradecer a Acisa todo o traballo que fixo durante estes días, estes meses, colaborando con nós, co Concello, para que o Ribadeo Indiano fora posible. Polo tanto, o noso agradecemento e tamén destacar que está colaborando con moitas iniciativas e quero subliñar unha delas que é entregando 10.000 vasos á hostalería para celebrar o Ribadeo Indiano entre todos. Así pois, o traballo conxunto, o traballo nunha mesma liña é o que da froitos e estase observando e sacándolle réditos para todo o noso Ribadeo”.

No acto de presentación dos vasos participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras de Turismo e Seguridade, Marta Saiz e Montse Seijo, xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.