Na emigración tan elevada neses anos cara a América tiveron moito que ver razóns políticas e sociais
Hai un século, eramos pobres ou moi pobres oito de cada dez cidadáns, sobre todo nas parroquias do rural e entre estas, as de zonas menos desenvolvidas. Na Mariña de Lugo case que ningún labrego era dono da terra que traballaba, polo que debía pagar rendas aos propietarios, que en moitos casos pertencían ao clero.
Ademais, tratábase de leiras pequenas que só producían para comer. Os produtos destinados á venda eran poucos e as familias non tiñan cartos para mercar roupa, enviar os rapaces á escola ou pagarlle ao médico.
Por outra banda, a xente do campo poucas veces obtiñan crédito dun banco para poñer en marcha un negocio, e se lles prestaban cartos, os xuros eran moi elevados.
Por riba, nesa época España tivo gobernos autoritarios e moi clasistas e houbo dúas guerras coloniais, unha en Cuba e outra en Marrocos, polo que moita mocidade decidiu marchar para non morrer nunha contenda que non tiña sentido ningún para ela.