A lenda da música cubana, Eliades Ochoa, será a estrela musical do Ribadeo Indiano 2023.

O concerto será o 9 de xullo ás 20:30 horas no barrio indiano de San Roque. O concerto foi presentado polos concelleiros de Desenvolvemento Local e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, e pola presidenta e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

Pablo Vizoso contou que “nesta oitava edición, a organización considerou necesario contar coa presenza dunha artista de talla internacional e que siga posicionando o Ribadeo Indiano como un referente turístico e cultural de primeira orde en todo o país. E deste xeito Concello de Ribadeo e Acisa decidimos convidar a Eliades Ochoa. É considerado un dos soneros cubanos máis importantes de todos os tempos, é un notable defensor da música tradicional cubana e  o mellor guitarrista da súa xeración”.

Sobre Eliades Ochoa o concelleiro de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio subliñou que “nos anos 80 participou xunto a Compay Segundo e ao Cuarteto Patria en varias xiras artísticas e con el gravou a primeira versión do coñecido Chan Chan. A forma na que Eliades se inspirou para crear os acordes da guitarra desta emblemática canción, quedou xa como un selo distintivo que inspira a moitos outros trobadores músicos e seguidores en todo o mundo”.

Vizoso Galdo seguiu a relatar que “Eliades é unha das estrelas do Buena Vista Social Club, con este álbum gañou o seu primeiro Grammy na categoría de Mellor Actuación Latina Tropical. En 1999 e 2000 foi nomeado aos Grammy baixo a categoría de Mellor Latín Tropical. En 1999 foi nomeado aos premios Óscar co filme-documental Buena Vista Social Club. No 2010 gravou o disco Afrocubism, acompañado da súa agrupación Patria e importantes músicos de Mali. Este álbum foi recoñecido por National Geographic como o mellor disco do mundo ese ano e no 2012 volveu ser nomeado aos premios Grammy Americanos. Con outro disco Un Bolero Para Ti obtivo catro premios Grammy Latino. E xa como parte do grupo Buena Vista Social Club co álbum Lost and Found,  gaña un Premio Billboard e o premio Latin Award en Canadá. Eliades Ochoa colaborou en producións discográficas con  Enrique Bumbury, Luis Eduardo Aute, Armando Manzanero, Pablo Milanés, entre moitos outros, e tamén foi seleccionado para participar en disco homenaxe a Bob Dylan”.

O edil ribadense engadiu que “hoxe en día Eliades Ochoa segue creando e compoñendo música, e este ano teremos a oportunidade de disfrutar e de contar con el nesta nova edición do Ribadeo Indiano. O concerto celebrarase o domingo 9 de xullo ás 20.30 horas no barrio indiano de San Roque como broche final e como colofón a todas as actividades que inclúe o noso evento máis internacional”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou que “estamos encantados de poder recibir en Ribadeo a un dos máximos expoñentes da música cubana, a Eliades Ochoa, unha figura internacional que conta, como dicía Pablo Vizoso, con varios Grammys Latinos e con outros moitos premios… O listón dos concertos do Ribadeo Indiano foi in crescendo tanto que resulta complicado superalo ano tras ano. Para que nos fagamos unha idea, Eliades Ochoa vai estar en Ribadeo e en Málaga, ademais de pasar con esta xira por Alemaña e por Italia”.

Cruzado Iglesias considera que “a noite do 9 de xullo vai ser espectacular en Ribadeo, porque haberá música e máis cousas. Concello e Acisa seguimos a traballar para ultimar o antes posible a totalidade do programa do Ribadeo Indiano 2023, que agardamos sexa do agrado de todas e todos”.