Presentación internacional do evento histórico cultural: Ribadeo Indiano

O próximo xoves 24 de xaneiro ás 20:00h. na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, o Concello de Ribadeo en colaboración con ACISA presentará a nivel internacional o seu evento histórico cultural Ribadeo Indiano

Como é sabido, a emigración deixou en Ribadeo unha profunda e visible pegada, palpable por todas as partes: no urbanismo, a innovación empresarial, a transformación agraria, a educación, a cultura, a música, o asociacionismo, a promoción social…

Por iso, desde fai cinco anos, o Concello de Ribadeo en colaboración con ACISA vén organizando esa celebración cultural e festiva que ten tres grandes obxectivos: poñer en valor o noso rico legado emigrante; celebrar valores como a integración, a solidariedade, a concordia ou a interculturalidade; e contribuír a que os países de acollida non sexan só lugares onde repouse boa parte da memoria de Galicia senón tamén territorios de futuro, prósperos e útiles para todos/as a través do mutuo intercambio e coñecemento.

Conscientes, de que este evento se está a converter nun referente a nivel galego, sendo así, un dos eventos culturais máis relevantes do país en canto a representatividade histórica deste período modernista.

E chegados este momento, e necesario dar un paso máis e promocionar o Ribadeo Indiano a nivel internacional.

Así, aproveitando a Feira de Turismo Internacional (FITUR), este evento presentarase nun acto institucional que terá lugar o próximo xoves 24 de xaneiro ás 20:00 h na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia situada na rúa Casado del Alisal, 8.

O acto de presentación contará coa participación do Delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega; o Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; a concelleira delegada, Ana María Martínez; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos,

Francisco Miguel Iriarte Quintana, entre outras personalidades.

Durante o acto darase a coñecer a nivel internacional o Ribadeo Indiano, así como o seu vídeo promocional para este ano 2019. A presentación poderá seguirse en streaming a traves da páxina de Facebook do Ribadeo Indiano.

O acto pecharase cunha mostra gastronómica a cargo de restaurantes da localidade que foron premiados no Ribadeo de Tapeo 2018: o Restaurante O Piano co premio do público e El Oviedo un dos gañadores do premio do xurado profesional, amenizado cunha actuación musical a cargo da ribadense Carme Rodríguez.

O Concello convida a asistir a esta posta de longo, a todos os ribadenses que viven en Madrid, empresarios vinculados coa localidade, xornalistas e amantes de Ribadeo.