CONCELLO E ACISA FAN UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA DA FESTA
INDIANA CELEBRADA O VENRES E O SÁBADO. PARA O ALCALDE
“PARECE QUE RIBADEO ESTABA A AGARDAR POR ESTA CITA” E
AMOSOUSE CONVENCIDO DE QUE HABERÁ UNHA NOVA EDICIÓN
O PRÓXIMO ANO. NO MESMO SENTIDO SE PRONUNCIOU ROBERTO
RAMOS, O PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES.
O alcalde, Fernando Suárez, fixo unha
valoración moi positiva da festa indiana que tivo lugar o venres e o sábado
pasados na localidade. O rexedor dixo que “parece que Ribadeo estaba a
agardar por esta festa”.
Suárez Barcia declarou que “realmente non nos saen as palabras para describir
o que significou esta festa indiana de Ribadeo. Non nos saen as palabras polo
marabilloso que foi todo o proceso de debate entre o Concello e a Asociación de
Comerciantes, desde hai dous ou tres meses que empezamos a debullar como
poderíamos facer un reclamo para que a xente de Ribadeo se puidera implicar.
E a verdade é que se tocou a tecla axeitada porque a resposta dada tanto o
venres pola tarde-noite como o sábado durante todo o día é algo do que se fala
non só en Ribadeo senón en medio país, do ben que saíu e de cómo a xente de
Ribadeo e a de fóra viñeron e caracterizáronse como auténticos indianos”.
O alcalde sinalou: “parece que Ribadeo estaba a agardar por esta festa.
Quero destacar a colaboración entre o Concello e Acisa para estas e outras
cousas, porque isto redundou de maneira positiva en todo o comercio, que
estivo durante moitos días vendendo moito material para que a xente se
puidese caracterizar, o que significou para a hostalería, para os bares,
restaurantes… toda esta marea de xente que estivo disfrutando da festa.
E o que significou tamén para recuperar a memoria histórica, o legado dos
que se marcharon a facer as Américas, algúns o lograron, pero outros non
desgraciadamente. Aqueles que as fixeron moitos deles se acordaron de
contribuír ao desenvolvemento da nosa terra tan falta de cariño e autoestima
moitas veces”.
Para Fernando Suárez “a homenaxe que as xentes de Ribadeo lles demos a
todos estes emigrantes, a todos estes indianos, pagou a pena todo o esforzo
feito e consolidou esta festa. Estamos absolutamente convencidos, tanto desde
Acisa como desde o Concello, que haberá unha nova edición o vindeiro ano e
que será un dos eventos máis importantes que puidéramos ter feito nunca aquí
en Ribadeo”.
Pola súa banda, Acisa tilda de éxito rotundo a festa indiana que se celebrou o
venres e o sábado na localidade. Miles de persoas caracterizáronse para render
homenaxe aos que un día emprenderon viaxe en busca dun futuro mellor.
Dende Acisa o seu presidente, Roberto Ramos, sinala que “a festa que
organizamos o Concello e Acisa foi un éxito. Sabiamos que calara entre a
poboación, pero levámonos unha grata sorpresa porque se superaron todas as
previsións que nos fixeramos inicialmente. O evento tivo unha grande acollida
entre os comercios e os locais hostaleiros, xa que entre uns e outros foron
preto de 100 os que se implicaron directamente na festa. A todos eles lles
queremos agradecer o traballo destes días. E logo a todos os veciños e veciñas
de Ribadeo que lle deron vida e cor a esta cita e a todos os que chegados
doutros puntos da Mariña lucense e do Occidente asturiano para gozar das
actividades que se levaron a cabo tanto o venres coma o sábado”.
Dende Acisa engaden que “é unha satisfacción ver a acollida que tivo a primeira
edición da festa indiana. Dende o pregón, as charlas, as actuacións musicais, a
verbena, a gynkana… A xente pola rúa demandábanos xa máis días de duración
de cara ao próximo ano, pedíannos que se prolongase de venres a domingo. E
os miles de turistas que estes días gozan das súas vacacións na zona tamén se
mostraron gratamente sorprendidos coa festa do Ribadeo Indiano”.
Roberto Ramos destacou o traballo conxunto realizado durante meses polo
Concello e a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos
de Ribadeo para que esta festa se levase a cabo. E engadiu que “despois do
verán faremos análise e balance sobre o que significou esta primeira festa
indiana para Ribadeo e nos poñeremos a traballar na próxima edición”.